![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEimwejLwVyKrBb1_NH6hiZwDPxnrYz4oAofkn0a3zTJk9Gsdr0aRuCLuJfzVVCGLGTj4X-IkyYlSN812TuCuH-fCLW1rgFbX0U7x2hJzerBpi3DzVSVO1RGwhhctR85tKmWanfAd0H70Cy3/s400/sparrow.jpg)
A estrutura da historia desta terceira aventura dos piratas do Caribe convértese na principal fonte de decepcionantes sorpresas: a falta de imaxinación á hora de crear novas personaxes, a pouca confianza nas tramas sinxelas converte a amálgama de sucesos que se encadean nun mosaico caótico deseñado para captar a atención momentánea do espectador e desligalo da visión de conxunto. Entretén pero seguindo a traxectoria doada da fragmentación en bloques de acción, hipnotizando ao espectador con secuencias impecables na súa espectacularidade visual.
Desta maneira, impídelle alonxarse para contemplar o todo e poder xulgar a verdade da película. Non interesa unha ollada global, porque entón é posible captar os ocos inmensos dunha trama escrita baseándose na adición de elementos e nos puntos de xiro continuos, pero ignorando a composición de personaxes e a continuidade respecto ás cintas anteriores.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEiZfsMbFwYrsOCHRoDZKBPTTktsfh_QYymUVsGq527HcaQklYgvO5W8KZUx9D8GCgMH1mNq-qK-PnhxERy0R6Be9HBAEpiI1LbvYHwHEbItIE77vv-CqKAzUMN5RFm0YPLnWsESz0D5HwO2/s400/los+3.jpg)
Se xulgamos os momentos un por un atopamos algunha secuencia que se consegue achegar a aquilo que se podería considerar cinematográfico, e logra rozar a fibra do espectador máis esixente, recordándolle os logros da primeira película: ao comezo da historia, cos condeados a morte entoando unha fermosa canción para alertar da inxustiza aos piratas; as intervencións da única personaxe ben composta e brillantemente interpretada, o contraditorio capitán Jack Sparrow; a unión de todos os capitáns dos barcos piratas, que esperta o espírito do que sempre representaron. E aínda resulta máis triste se temos en conta que tanto a posta en escena coma os efectos visuais están tan coidados como se agardaba. Tampouco se pode ignorar a magnificencia da súa banda sonora. Insuficientes segundos para unha metraxe de tres horas, chea de piropos argumentais que converten a triloxía no que xa se prometía na segunda entrega: un híbrido entre as aventuras e a fantasía.